REFLEXIÓN SOBRE O PLE (por Jesús Noya Fandiño)

PLE (“Personal Learning Environment”).


Seguindo a definición de Linda Castañeda e Jordi Adell, o PLE ou Contorna Persoal de Aprendizaxe "é o conxunto de ferramentas, fontes de información, conexións e actividades que cada persoa utiliza acotío para aprender". Pero isto non quere dicir que nos sexa útil só para obter información, se non tamén para elaborala, para producila. De aí que no PLE sexamos “PROSUMIDORES” de información (produtores + consumidores). Obviamente, non imos elaborar a mesma cantidade nin seguramente o mesmo tipo de información cando se trata dun tema que coñecemos ou dominamos que cando non, pero o obxectivo do PLE é que poidamos compartir, participar e aprender.

En canto á participación para intercambiar información, podemos dicir que ao igual que noutras facetas ou aspectos persoais da nosa vida, vaise basear nunhas relacións de confianza e comunicación con outras persoas, permitindo consultar ou expoñer información daquelas cuestións que resulten de interese. (O que de toda vida vén sendo falar cas persoas axeitadas para saber de algo ou compartir con outras o que sabemos nós). Hoxe en día, trátase moitas veces dun proceso apoiado nas vantaxes que nos proporcionan as TIC e que se da en chamar “facer Networking”. Para realizar isto, as persoas participantes empregarán unhas ferramentas (un instrumento que serve para facer algo), uns servizos (espazos onde usar esas ferramentas) e tamén uns recursos ou fontes de información.

Eu nunca oíra falar do PLE ata que, neste curso de posgrao, Carlos Parada nos falou del. Tamén, dentro das tarefas a realizar, tivemos que facer unha representación gráfica do noso PLE Inicial.


No meu caso, tratei de expresar como na actividade profesional obteño moita información a través de distintas páxinas web que coñezo e outras veces buscando esa información dende algún buscador. Tamén recibo información dende o correo interno da organización, de outros compañeiros/as que traballan na mesma área ou noutras distintas e aos que tamén lles envío información. Á súa vez, tamén comparto información que considero que pode ser de interese a través de correo externo, dirixido a entidades asociadas, outras entidades, amigos ou ex-compañeiros de traballo. Ás veces, con algunhas destas persoas coas que teño máis contacto persoal, tamén uso o WhatsApp.
A través dunha certa retrospectiva sobre esta actividade, tomei conciencia de que todos temos, dunha ou doutra maneira, unha “Contorna Persoal de Aprendizaxe”.

CURACIÓN DE CONTIDOS.

A seguinte tarefa encomendada foi que traballásemos con 2 ferramentas (Feedly + Scoop.it) de “Curación de Contidos”, aínda que Carlos tamén nos ensinou un pouco como manexar Diigo. Isto significa que nos serven para buscar, seleccionar, organizar, xestionar, presentar e distribuír a información que queremos recibir dende distintas fontes. Outros compañeiros/as traballaron xa con anterioridade co “Storify”, que tamén é unha feramenta deste tipo e que empregamos para recompilar a emisión de chíos no Twitter co hashtag #POLAB17.



VALORACIÓN PERSOAL.

De seguido, vou dar a miña opinión sobre a breve experiencia cas dúas ferramentas sinaladas anteriormente:

-  FEEDLY

Feedly sérveme para  indicar cales son as fontes de información do me interese e recibir avisos de cantas e cales son as noticias novas dende a última vez.
Feedly paréceme unha aplicación moi sinxela e cómoda. Un inconvinte que atopei é que hai moitas páxinas web que ou ben non teñen canle RSS ou ben  non funciona en todos os apartados ou espazos desa web, se non só en algúns. Por exemplo, na páxina de “Formación e Cualificacións” da Xunta, podes recibir noticias en xeral, pero non concretamente avisos de cada nova publicación que editan. Ou no “Portal de Emprego”, tamén da Xunta, na que podes recibir ofertas de formación e/ou de emprego, pero non doutros contidos. Pola contra, a páxina do Diario Oficial de Galicia (DOG) si que se pode facer unha curación de contidos moi detallada, podendo ver o sumario completo de cada publicación ou calquera parte concreta do sumario, incluso especificando por distintas temáticas. O outro inconvinte que lle vexo é que algunhas páxinas web, aínda que non teñen servizo RSS como tal, permiten subscribirse cumprimentando un formulario e envíannos por correo electrónico as noticias que consideran que poden ser interesantes para nós. Polo tanto, recibimos igual información sen usar Feedly.


 -  SCOOP.IT

Váleme para atopar información/recursos en base a palabras clave asignadas para a busca. Cada tema é un TÓPICO e cando o creo, ábrese un Taboleiro vinculado a ese Tópico, a onde vou incorporar aquela información que selecciono, resultado da busca que fixo esta ferramenta. Cos resultados da busca, podo gardar, etiquetar, compartir (en redes sociais que vincule a esa ferramenta) e tamén comentar o que considere sobre cada un deles que garde.  
O manexo de Scoop.it é bastante sinxelo, se ben aínda non tanto coma Feedly. O maior inconvinte que lle vexo é que está pensada para aproveitar como ferramenta de pago, pois só nos deixa crear 1 único Tópico de maneira gratuíta e continuamente aparecen invitacións a seleccionar a “versión pro”, que conleva diversos custos segundo a súa configuración.




Comentarios

Entradas populares de este blog

Resumen Sesión - DISEÑO DEL MODELO DE NEGOCIO "CANVAS"

Módulo III

A ORIENTACIÓN LABORAL UNIVERSITARIA NO CAMPUS TERRA DA USC - MARGARITA VILELA RODRÍGUEZ (Sinatura Invitada)