Resumo MÓDULO 3 - POLAB17

INTERMEDIACIÓN LABORAL

Na orientación laboral a TIPOLOXÍA DAS ACCIÓNS A REALIZAR son: Atención Individualizada (Entrevistas Individuais, cunha duración máxima aproximada de 60 minutos) ou Accións Grupais (Talleres de Recursos Persoais, Talleres de Busca de Emprego...). E os ELEMENTOS BÁSICOS NA METODOLOXÍA DE INTERVENCIÓN deben ser: A Entrevista (como técnica básica de atención individual), o “Sistema Facilitador da Inserción” (contidos principais na tarefa de orientación), e a Estratexia de Intervención centrada nos Recursos do Usuario e baseada en Itinerarios (sendo a persoa orientada a protagonista implicada e responsable do seu proceso de inserción).

ITINERARIOS DE INSERCIÓN

Un Itinerario de Inserción (IPI) é un conxunto de accións que se organizan nun proceso personalizado e lóxico, que ten como obxectivos a inserción sociolaboral e o desenvolvemento profesional dos usuarios/as que participen no mesmo, especialmente a través da información e o asesoramento individual e grupal e coa participación doutras áreas do campo da inserción sociolaboral.

As FASES NO ITINERARIO son: Acollida, Diagnóstico, Devolución e Compromiso, Seguimento e Acompañamento, Peche. 

- Acollida: é a toma de contacto, na que se explican tamén as características do servizo, se valora a motivación da persoa orientada e na que hai que tratar de establecer unha relación de confianza.

- Diagnóstico: trátase de facer unha valoración da empregabilidade da persoa, é dicir, de se a persoa reúne os requisitos que establece o mercado de traballo para as ocupacións que lle interesan. Conleva favorecer na persoa unha actitude reflexiva e realista, favorecer a delimitación dun obxectivo profesional e o proceso de toma de decisións.

- Devolución e Compromiso: fai referencia a devolverlle información á persoa orientada no seu proceso de toma de decisións e establecer un compromiso de actividades a desenvolver.

- Seguimento e Acompañamento: procurando favorecer actitudes e capacidades para o emprego. Inclúe: Entrevistas de Seguimento (para resolver dúbidas, supervisar a evolución do proceso…); Entrevistas de Mantemento (cando a persoa conseguiu o emprego ou foi capaz de xestionar a súa busca de forma autónoma); Entrevistas de Renovación (para revisar o proxecto e fixar novos obxectivos).

- Peche: trátase de definir ca persoa a finalización do proceso. Pode ser que se acade a inserción ou que non, pero que a persoa mellorase a súa autonomía e competencias.

PROCESOS INDIVIDUAIS DE ORIENTACIÓN E AXUDAS NA TOMA DE DECISIÓNS

A Entrevista de Orientación Laboral é un proceso de comunicación entre orientador e orientado/a, na que o fin é estimar a adecuación do candidato/a a un posto de traballo. 

Na entrevista, o orientador/a vai tratar de obter e comprobar os datos máis relevantes, explorando a situación da persoa: Situación Sociofamiliar e Dispoñibilidade, Actitudes e Expectativas ante o emprego, a definición do Obxectivo Profesional, os Recursos do/a demandante (competencias e habilidades, obtidas da formación, experiencia…), as Áreas a traballar ca persoa (autonomía, autoestima…), a determinación dun Plan de Traballo, os Servizos Aconsellados, e o Seguimento e Finalización



As entrevistas de orientación poden ser de distintos tipos: Dirixida/Estruturada (preguntas pechadas previamente definidas), Semidirixida/Semiestruturada (preguntas pechadas e abertas, que permiten maior liberdade de expresión á persoa entrevistada) ou Grupal (simulación de situación grupal para valorar relacións e comportamentos dentro dun grupo).

ANÁLISE DE PERFÍS PROFESIONAIS E PROSPECCIÓN DE EMPREGO

Unha das tarefas da orientación laboral, a realizar, xunto cos demandantes, é unha Análise dos Perfís Profesionais do seu interese. Para iso, hai que guialos: na busca de fontes de información (de ofertas, certificados de profesionalidade, fichas profesionais, contactos, gremios e colexios profesionais, prácticas en empresas…), para recompilar a información pertinente (descrición da ocupación, funcións e tarefas, espazos onde se realiza, formación e certificados, idiomas e informática, tecnoloxías ou ferramentas utilizadas, outras ocupacións relacionas e condicións laborais), para valorar os intereses e motivacións e a análise funcional e transferencia de competencias (identificar as competencias requiridas para unha ocupación).

A outra das tarefas máis salientables da orientación laboral (que sería desexable facela en moito maior medida), é a Prospección. Enténdese a prospección como a acción de informar, asesorar e detectar necesidades das empresas, así como achegar solucións, ademais de sensibilizar ao empresariado sobre os colectivos obxecto de inserción laboral e das súas oportunidades como traballadores/as e outros aspectos de interese para o desenvolvemento de actitudes de responsabilidade social.

A persoa que realiza prospección debe contar cunha serie de instrumentos: datos sobre as empresas a contactar, guión das visitas, modelo de correo electrónico ou carta de presentación para as empresas e dípticos e pósteres informativos.

TÉCNICAS E FERRAMENTAS PARA O ACCESO AO EMPREGO E O AUTOEMPREGO

Cando unha persoa se prepara para un proceso de selección hai que amosarlle todas as fases do mesmo e non só dende a perspectiva de persoa que busca emprego, se non tamén dende o punto de vista das necesidades da empresa que o oferta. Para iso podemos utilizar o seguinte esquema:


Dúas das ferramentas máis importantes que toda persoas demandante de emprego debe manexar son: o Currículo e a Carta de Presentación.

O Currículum Vitae é a ferramenta fundamental para presentarnos como traballadores. Non hai unha única maneira de facelo e debemos adaptalo a cada oferta. Aínda así, soe haber uns certos apartados comúns (Datos persoais, Formación, Experiencia, Idiomas, informática). 

Os modelos máis habituais de CV son: Cronolóxico (Directo ou Inverso), Funcional, Por Competencias e o Europass. Pero tamén existen versións máis innovadoras, que moitas veces se basean e aproveitan das ferramentas tecnolóxicas. É o caso do Videocurrículum, o CV creativo, Portafolios Dixital, CV Infográfico, CV Web…

A Carta de Presentación é un documento que acompaña e presenta ao currículo, pero non repetindo o mesmo, se non reflectindo aqueles aspectos máis salientables da candidatura que se presenta. Na carta tamén soe haber unha estrutura común, que comparten varios tipos de cartas (Introdución, Venda dun mesmo, Despedida). Aínda que hai máis, as cartas máis usadas son: a de Resposta a un Anuncio e a de Autocandidatura.

O fomento do autoemprego tamén forma parte das tarefas de orientación laboral, polo que as persoas que desenvolven este servizo tamén deben coñecer e proporcionar información sobre os recursos existentes, factores de éxito, etc... co fin de realizar un bo asesoramento. Para iso, poden facer uso de recursos especializados nse ámbito, como: o IGAPE, Consellería de Economía, Emprego e Industria, Consello Galego de Cooperativas, Rede EUSUMO ou Oficina do Empregador.

PLAN DE EMPRESA

O Plan de Empresa é un documento onde a persoa emprendedora reflexiona e plasma as cuestións máis importantes da posta en marcha e funcionamento do seu proxecto. 

Aparte da Portada, un plan de empresa debería seguir, orientativamente, un índice que conteña os seguintes puntos: Introducción, Estudo de Mercado, Plan Comercial, Plan de Organización e Recursos Humanos, Aspectos Legais, Estudo Económico-Financeiro, Conclusións (Risco e Viabilidade), Resumo Executivo e Anexos.

As Fases do Estudo de Mercado son: Establecer Obxectivos, Descrición da Contorna, Recollida de Información, Análise da Información (DAFO + as cinco forzas de Porter), Conclusión. 

A Análise DAFO permitirá á empresa precisar os aspectos Internos (que son as Debilidades a superar e Fortalezas a potenciar e) e os aspectos Externos (Ameazas a evitar e Oportunidades a aproveitar).


Para valorar as circunstancias económicas que teñen lugar no mercado pódese seguir a Michael Porter, quen di que se deben analizar os factores que condicionan o grao de intensidade da competencia no sector. Estes 5 factores coñécense como "as cinco forzas de Porter e son

- A posibilidade de incorporación de novos competidores e existencia de barreiras de entrada. 

- O poder negociador dos clientes. 

- O poder negociador dos proveedores. 

- A ameaza de aparición no mercado de produtos substitutivos, que veñan a cubrir a mesma necesidade. 

- A rivalidade entre competidores. Esta forza vén determinada polas catro anteriores. 


O coñecemento deses cinco factores vaille permitir á persoa emprendedora deseñar a estratexia da empresa para entrar no mercado. As Estratexias máis importantes son: Liderado en Custos, Diferenciación e Especialización. 

Para a Previsión de Vendas, podemos recomendarlle ao emprendedor/a utilizar unha adaptación simplificada do Método Delphi. Esta, consistirá en presentarlle un cuestionario de preguntas a expertos ou persoas que coñecen ou traballan no mercado de interese.

Ségueme en Twitter.

PARA SABER MÁIS

Servizo Público de Emprego de Galicia.

Servizo Público de Emprego Estatal.

Instituto Galego das Cualificacións.

Cámara de Comercio da Coruña.

IGAPE.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Resumen Sesión - DISEÑO DEL MODELO DE NEGOCIO "CANVAS"

Módulo III

A ORIENTACIÓN LABORAL UNIVERSITARIA NO CAMPUS TERRA DA USC - MARGARITA VILELA RODRÍGUEZ (Sinatura Invitada)